Cantigas de Trobador entre Murallas

Marzo de 2011

Círculo das Artes de Lugo

Máis de 100 persoas asisten ao concerto do Grupo de Música Antiga Martín Códax organizada por Bodegas Martín Códax en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Lugo que tivo lugar no Círculo das Artes da capital lucense.

O Círculo das Artes de Lugo foi o escenario perfecto para acoller o concerto do Grupo de Música Antiga Martín Códax que organizou a adega o pasado mes de marzo. Foron máis de 100 persoas as que asistiron e que conseguiron mesmo encher os palcos do Salón Rexio do emblemático edificio. 100 espectadores atentos aos temas interpretados polo grupo liderado por Miguel Ángel López Fariña, nos que empregan réplicas de instrumentos obtidos de fontes iconográficas como o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela, o Pazo de Xelmírez ou as Cantigas de Santa María. "Mia hirmana fremosa", "Mandado ei", cuxa autoría se atribúe ao famoso trobador galego Martín Códax, e "Marían Matrem" foron as pezas escollidas para comezar a actuación que contaba con 10 obras no seu programa.

Co concerto, organizado en colaboración coa Sociedade Filharmónica de Lugo, inaugurabamos a mostra itinerante "Música de pedra e cantos de peregrinación" que xa percorreu Santiago de Compostela e Ourense onde máis de 100.000 persoas a visitaron. Agora, a exposición chega a Lugo; concretamente á Biblioteca Provincial onde os seus usuarios poderán ver de preto estes instrumentos medievais. A cidade que os vió nacer, posto que a maioría deles foron reconstruídos por luthiers lucenses, acólleos para permitir que as súas xentes coñezan o traballo que se realizou con eles.
Tanto o concerto coma a exposición foron presentados á prensa nun acto que tivo lugar na sede da Asociación da Prensa de Lugo. Os relatores, José Martínez Chantada, presidente de Bodegas Martín Códax; Antonio González Trigo, presidente da Sociedade Filharmónica de Lugo; Francisco Singul, xefe da área de exposicións e publicacións do Xacobeo; Marisol González Regal, directora da Biblioteca Provincial de Lugo e Miguel Ángel López Fariña, director do Grupo de Música Antiga Martín Códax destacaron todos a importancia que ten que empresas como Bodegas Martín Códax se involucren coa cultura galega e a súa divulgación e mostraron a súa satisfacción pola iniciativa.

Otros eventos :