En 1985 nace Bodegas Martín Códax e toma por nome o do máis célebre trobador galego do que aínda se conservan as súas cantigas, as máis antigas do galaico-portugués coa música orixinal, nas que canta ao amor e ao mar que baña as nosas costas.
Dende entón, Bodegas Martín Códax creceu e evolucionou apoiando sempre á súa xente, á súa terra e á súa cultura. Unha cultura que promove por máis de corenta países no mundo. Un proxecto que comezou coa ilusión e o esforzo dun grupo de viticultores e que hoxe en día é xa unha realidade que converte a Bodegas Martín Códax en emblema dos viños galegos fóra e dentro das nosas fronteiras.
Elaboración / Instalacións:
Os nosos viños elabóranse seguindo novidosas técnicas de elaboración sen esquecer tampouco os métodos tradicionais.
Os nosos viñedos, ubicados en pequenas parcelas, caracterízanse por usaren o tradicional sistema do emparrado e son coidados con grande esmero, seguindo os consellos dos nosos técnicos de viticultura para conseguir a máxima calidade posible.
Xeralmente a vendima comeza a mediados de setembro, é manual e os acios deposítanse en caixas de vinte kilos para evitar que se esmaguen e a súa calidade diminúa.
Unha vez que chegan á adega, analízanse comprobando que cumpran os mínimos esixidos e son introducidos na despalliladora para afastar a uva do raspón. Por último, unha prensa pneumática é a encargada de extraer o mosto.
Unha vez obtido o mosto, comeza o proceso de fermentación alcohólica que se leva a cabo en depósitos de aceiro inoxidable de 30.000 litros de capacidade. Cando esta remata, empeza a fermentación maloláctica, que transforma os ácidos málicos en lácticos, evitando deste xeito unha acidez excesiva. Por último, o viño é estabilizado e embotellado.
Por outra parte, dispoñemos dun túnel de barricas para a fermentación dun dos nosos viños, Organistrum. As barricas empregadas son de carballo Allier francés.
O noso compromiso:
Compromiso co Val do Salnés
Bodegas Martín Códax establece dende os seus inicios un diálogo e un nexo de unión coa sociedade do Val de Salnés, onde se asentan as súas instalacións. A adega naceu coma unha cooperativa grazas á idea dun grupo de viticultores e así se mantén; unha adega feita por e para as persoas. Formada actualmente por 270 socios, ademais a adega conta tamén coa colaboración de 300 familias cuxa uva serve para abastecernos. Coma unha familia, xuntos traballamos para que os nosos produtos teñan sempre a máxima calidade posible.
Compromiso coa Cultura
Bodegas Martín Códax está intrínsecamente ligada ao arte e a cultura. Dende os seus inicios a adega apoia todo tipo de expresións culturais e artísticas, dende as máis tradicionais ata as máis vangardistas nos últimos tempos e leva a cultura galega a tódolos recunchos do mundo onde Martín Códax está presente.
Compromiso co Medio
Bodegas Martín Códax comprométese activamente co medio, buscando sempre a sostibilidade e reducindo a súa pegada de carbono ao máximo. Precisamente, os seus proxectos de I+D+i están encamiñados a reducir o impacto ambiental no campo de viticultura e a combater os efectos do cambio climático. Mais non só iso; a sostibilidade é tamén un obxectivo a seguir por todo o capital humano que conforma a adega, concienciando deste xeito a tódalas partes da empresa.
A nosa enóloga:
Katia Álvarez
En 2005, Katia Álvarez ponse ao fronte da dirección de producción e enoloxía de Bodegas Martín Códax. É licenciada en Enoloxía, aínda que en primeiro lugar se diplomou en Enxeñaría Técnica Agrícola, especializándose en Industrias Agrícolas e Alimentarias.
Tras adquirir experiencia noutras D.O. tanto nacionais coma internacionais, chegou a Martín Códax onde participa activamente en tódolos proxectos I+D+i e en numerosos relatorios de todo o mundo.