Bodegas Martín Códax presenta Agora!

05 de Xuño de 2013

Bodegas Martín Códax

O vindeiro venres 7 de xuño a partires das 20.30 horas, Bodegas Martín Códax presentará ao público "Agora! " un programa de intervencións artísticas realizado nas instalacións da adega polos galegos Jorge Perianes, Carlos Maciá e Kiko Pérez que a converten nun espazo único.

agora2_0

Agora! parte da necesidade de adaptar a arte a espazos diferentes aos habituais. Bodegas Martín Códax é un lugar para o desenvolvemento da actividade vitícola, un espazo no que a función principal non pasa pola exhibición de obras de arte. Non obstante, dende a súa fundación, estivo intimamente ligada á cultura galega, e amosa unha vez máis deste xeito o seu apoio ás expresións culturais.

Agora! pretende xerar un programa de intervencións no que as instalacións da adega se convertan nun espazo ao que o artista terá que adaptarse. Jorge Perianes, Carlos Maciá e Kiko Pérez, unha serie de artistas galegos que acadaron actualmente un importante éxito a nivel internacional, serán os responsables de levar a cabo estas obras específicas na terraza e no túnel de barricas onde lugar e acción son dende agora o contexto no que a arte mostrará a súa capacidade de especificidade e o público poderá non só observar, senón convivir coas intervencións dun xeito único.

Como acto de apertura, a proxección do filme documental À propos de Nice -do francés Jean Vigo- coa interpretación que o acordeonista Carlos Quintá realiza en directo da música composta por Marc Perrone e unha interesante proposta que mestura música e cine para completar esta noite na que arrancará a programación cultural do verán e onde as persoas asistentes poderán tamén gozar do albariño Martín Códax.

Para poder asistir á presentación, debido a que o aforamento é limitado, é necesario que as persoas interesadas se apunten a través do Facebook da adega (na aplicación habilitada para tal efecto) ou ben chamando ao teléfono 986526040.

O vindeiro venres 7 de xuño a partires das 20.30 horas, Bodegas Martín Códax presentará ao público "Agora! " un programa de intervencións artísticas realizado nas instalacións da adega polos galegos Jorge Perianes, Carlos Maciá e Kiko Pérez que a converten nun espazo único.