A adega crece un 14%

18 de Febreiro de 2014

O grupo Bodegas Martín Códax creceu un 14% en 2013 superando os 18 millóns de euros en facturación.

Os resultados provisionais señalan un aumento do 10% no beneficio.

INVERNO  MARTIN CODAX  MARTIN CODAX

Hoxe por hoxe podemos estar contentos. Bodegas Martín Códax pechou o exercicio 2013 cunha facturación de 18 millóns de euros, dous millóns máis que a cifra facturada en 2012, o que supón un crecemento total do 14%. Os estados financeiros provisionais da adega reflicten ademais unha melloría en canto a beneficios superior ao 10%, cun ebitda (beneficio bruto de explotación) que alcanzará os dous millóns de euros.

Este crecemento está debido especialmente ao aumento das vendas no mercado exterior, que xa supoñen un 60% da facturación total da adega e ás que se pode achacar o 50% do crecemento de 2013. Países como EE.UU, Reino Unido, Alemaña ou os países nórdicos foron, sen dúbida, algunhas das zonas onde máis creceu a venda e os que máis contribuíron a esta melloría.

Tampouco hai que esquecer outras operacións claves, como a aposta por novos mercados, entre eles Rusia e China. En concreto, no xigante asiático xa establecemos unha oficina comercial a través da creación dun consorcio con outras catro empresas galegas pertencentes a diferentes sectores e integradas no Cluster Alimentario de Galicia. O obxectivo é a busca de importadores nas principais capitais e o posicionamento da marca Martín Códax entre os principais viños de importación no país.

Trátase sentar as bases para que estes mercados tomen o relevo do crecemento nun prazo non inferior aos dous ou tres anos”, explicou Juan Vázquez Gancedo, director de Bodegas Martín Códax.

Tamén destacable, é o crecemento producido no mercado nacional que supón un 25% entre alimentación e hostalaría. A este último canle hai que agradecerlle o esforzo realizado pola súa banda que malia o difícil arranque do ano soubo incentivar o consumo con xornadas gastronómicas, concursos de tapas e outras creativas accións que axudaron de xeito decisivo ao sector.

“Discreto pero significativo, o aumento das vendas na hostalaría no mercado interno supoñen a maior satisfacción para os responsables da adega. Sobre todo tendo en conta a difícil situación económica que atravesamos, o pesimismo instalado no consumidor e a climatoloxía adversa que tampouco axudou este ano. O que somos debémosllo a ela e o noso futuro está vinculado ao seu”, comenta Juan Vázquez

 

O crecemento en facturación débese tamén ao bo arranque de Adegas Galegas.

As boas cifras de facturación que logrou o grupo Bodegas Martín Códax son debidas tamén en boa medida ao bo arranque que tivo a adega do Condado Adegas Galegas, adquirida en 2012 pola adega.

A súa facturación sitúase en torno aos 800.000 euros, cifra que estaba prevista alcanzar no 2015 pero que grazas á calidade dos viñedos situados en Condado e O Rosal e a marcas como D. Pedro de Soutomaior ou Veigadares, que xa están a volver posicionarse nos mercados nacionais e internacionais, o obxectivo se logrou dous anos antes do estimado.

O Plan de Eficiencia da Adega contribúe a mellorar os beneficios nun 10%.

Os estados financeiros provisionais do grupo Bodegas Martín Códax reflicten unha melloría en canto a beneficios superior ao 10%, cun ebitda (beneficio bruto de explotación) que alcanzará os dous millóns de euros.

O Plan de Mellora da Produtividade, Competitividade e Eficiencia acometido la adega ao longo do 2013 contribuíu tamén a este crecemento. Entre as accións estratéxicas do plan figuraba a conversión das antigas naves de Transportes Núñez nun Centro de Loxística onde se centralizaron as expedicións dos cinco centros de produción cos que a adega conta en catro denominacións de orixe (Cambados e O Condado en Rías Baixas, Bierzo, Monterrei e Rioja)

O centro de loxística supuxo un menor gasto en transporte ademais dunha sensible mellora na redución da pegada de carbono mellorando así os indicadores de impacto ambiental fixados como obxectivos da responsabilidade social empresarial de Bodegas Martín Códax.

O grupo Bodegas Martín Códax creceu un 14% en 2013 superando os 18 millóns de euros en facturación.

Os resultados provisionais señalan un aumento do 10% no beneficio.