Serigrafía de Marcos Torres

26 de Xuño de 2014

Bodegas Martín Códax presenta a serigrafía de Marcos Torres

Unha vez máis, as instalacións de Bodegas Martín Códax volven ser un escenario para a arte, e este verán, o seu túnel de barricas acolle a serigrafía artística do autor Marcos Torres (Eivissa, 1973) que poderán visitar as persoas que se acheguen a coñecer as nosas instalacións.

Unha mostra onde o artista pop presenta en exclusiva tres novas pezas, acompañadas dunha selección doutras dez serigrafías de entre as súas obras máis coñecidas.

A obra de Marcos Torres caracterízase por posuír unha narrativa visual impactante, dominada polo culto á cor e o impacto visual na que se percibe un forte vínculo coa música, o cine, o cómic e a mitoloxía Pop.

MARCOS TORRES: O ARTISTA

De entre todas as referencias que se publicaron acerca do traballo de Marcos Torres, tal vez a que mellor o define sería a que escribiu a xornalista e escritora Blanca Lacasa:

“Se a obra de Marcos fose música sería pura psicodelia dos sesenta. Se fose unha cor, serían todos os que fan que deixe de chover. Se fose un tacto, sería o do veludo que forra os estoxos das boas guitarras. Ou se fora uns zapatos, serían uns de baeta azul. E se fose un personaxe, probablemente estaría escrito por Ian Fleming”

Marcos Torres, que empezou a súa carreira como artista independente hai máis de dez anos puxo o seu talento visual no clásico e academicista formato da serigrafía, pero tamén nas súas célebres coleccións de camistas de autor, en portadas de discos, cubertas de libros, museos (asinou o deseño das camisetas oficiais do Guggenheim de Bilbao) e mesmo en títulos de créditos de películas.

Expuxo a súa obra na súa illa, en Madrid, Santiago, Castelló, Palma, León, Brighton, Londres, Stuttgart ou Copenhaguen e foi obxecto de reportaxes en programas como Cuatrosfera, Ipop ou Básico e se publicaron entrevistas e artigos Nel Mundo, Vogue, EP3, Rolling Stones, Mondosonoro, Harper’s Bazaar e un longo etcétera.

Obtivo o galardón Pop Eye ao mellor artista emerxente nacional en novembro de 2011, o premio Onda Cero ao mellor artista plástico en marzo de 2012 e recentemente entrou a formar parte da exclusiva lista de artistas que viron a súa obra poxado en Christie’s, unha das casas de poxas de arte máis importantes do mundo.

A SERIGRAFÍA ARTÍSTICA.

Marcos Torres respondía sen dubidar, e moi apaixonadamente, a unha pregunta acerca do porqué da elección da serigrafía, nunha entrevista ao principio da súa carreira:

” Por que a serigrafía? Sinxelamente, non hai nada que se lle pareza, en termos de calidade e riqueza de cor. O impacto visual que se logra mediante a serigrafía artística non é alcanzable con ningún outra proceso de impresión, xa sexa mecánico ou dixital. Esa intensidade nos vermellos, o extraordinario brillo dos amarelos, a profundidade dos azuis… Iso si son cores! “

A estampación de cada obra realízase mediante un complexo proceso artesanal, no que o artista participa cóbado con cóbado co estampador.  Este proceso esixe unha capacitación técnica moi especializada, sendo necesaria unha extraordinaria exactitude técnica e experiencia no oficio da estampación serigráfica.
Antes de proceder á estampación definitiva prevense os efectos que se van obter mediante unhas secuencias de probas moi estudadas, ata que o resultado é perfecto. Cada cor da obra esixe a preparación dunha nova matriz, e as copias obtéñense unha a unha.  A medida que se avanza no proceso, as matrices destrúense, de maneira que se volve imposible editar maior cantidade, e garantíndose así a orixinalidade de cada unha das serigrafías da serie.
As pezas artísticas realizadas en serigrafía están consideradas como unha obra de colección, grazas a que é unha técnica que permite crear orixinais múltiples, de tiraxe limitada. Para ser considerada obra gráfica orixinal, cada exemplar debe estar numerado e asinado polo artista, ademais de contar co seu certificado de autenticidade respectivo.

Bodegas Martín Códax presenta a serigrafía de Marcos Torres