Cada vez estamos máis cerca de coñecer quen serán os gañadores da sexta edición dos Premios Martín Códax da Música! Este mércores acollíamos en bodega a Festa de Nomeados dos premios da música en Galicia, nun evento que estivo marcado por un ambiente festivo e cheo de ledicia entre todos os finalistas.
Tras a votación de todos os socios da Asociación de Músicas ao Vivo, organizadora destes premios, foron escollidos como finalistas un total de 54 proxectos, tres por cada unha das 15 categorías e os tres Premios Organistrum. Agora a sorte queda nas mans do xurado integrado por profesionais da música de diferentes ámbitos (interpretación, industria, formación, salas e comunicación) que decidirán que artistas e grupos se farán cun Melómano na gala final que se celebrará o vindeiro 8 de maio no Pazo da Cultura en Pontevedra.
Na gala entregarase tamén o Premio Honorífico Músicas Ao Vivo ao músico estradense Carlos Barruso, “en homenaxe a un compañeiro e personalidade clave para entender a evolución da música moderna en Galicia. Un profesional impecable e xeneroso, cun talento colosal que influenciou e segue influenciando a moitas xeracións de músicas e músicos”.
Xoan Allegue, presidente da nosa bodega foi o encargado de abrir o acto cunhas palabras nas que asegurou que “é unha honra dar o noso nome a estes premios que se converten na gran festa da música galega e na oportunidade para visibilizar e recoñecer o traballo de toda a comunidade musical”, e continuou destacando que estes premios son “unha aposta na que debemos estar unidas as empresas privadas e as administración públicas, comprometidas na difusión e fomento da nosa cultura”. Allegue tamén fixo fincapé na base cooperativista da asociación Músicas ao Vivo, e ese espírito e filosofía comúns coa bodega.
Sonia Lebedynski, presidenta Músicas ao Vivo, foi a segunda en intervir. Nos seu discurso agradeceu “a implicación das músicas e músicos galegos unha vez máis nesta edición” e asegurou que “o espírito de comunidade, de sector estratéxico, de familia, de industria, de riqueza, de colectivo, emana outra vez máis nestes premios”.
Ao encontro asistiu tamén o director da Agadic, Jacobo Sutil; o delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal; a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carmen Fouces; a concelleira de Promoción da Cidade do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías;a alcaldesa do Concello de Cambados, Fátima Abal; e o tenente de Alcalde do Concello de Cambados, Víctor Caamaño.
A continuación podes encontrar todos os proxectos finalistas da VI edición dos Premios Martín Códax da Música:
CATEGORÍAS MUSICAIS |
|
Pop/ Indie | Oh Ayatollah! Espiño Igloo |
Rock | Bala Familia Caamagno Mad Martin Trio |
Músicas Urbanas | Ezetaerre Rebeliom do Inframundo – Ilegal Wöyza |
Música Clásica/Contemporánea | Adrián Saavedra Son Trío Tangata & Orquestra Clásica de Vigo |
Música Tradicional Galega e Folque | Tanxugueiras Os d’Abaixo Habelas Hainas |
Músicas do Mundo | Marcos Teira ‘Nós’ Oîma Turma Caipira |
Música Infantil | Xoan Curiel e a Banda do Verán Concerto Punkinfantil Olga Brañas |
Música Electrónica | Baiuca Cintaadhesiva Músculo |
Metal | Raiba Nao Cabodano |
Reggae/ Ska/ Mestizaxe | García Mc & Nación Quilombo Banda Crebinsky The Turre’s Band |
Orquestras/ Grupos/ Música de Verbena | Los Satélites América de Vigo Timparrantela |
Blues/ Funk/ Soul | Carmen Rey Vudú Carla Green & The Demons |
Canción de autor/a | A Banda da Loba MJ Pérez Su Garrido Pombo |
Coros e grupos vocais | Zoelas Sisters in the House Ejazz |
Jazz e Músicas improvisadas | Xacobe Martínez Antelo Trío Xosé Miguelez – Ontology Pablo Castaño Quartet Quartet feat. Ugia Pedreira |
PREMIOS ORGANISTRUM |
|
Festivais | Nigranjazz Festival de Pardiñas Jazz de Ría |
Salas | A Arca da Noe Sala Mardi Gras El Contrabajo Club |
Espazos de Comunicación Musical | DiarioCultural-RG Músicas Galegas Ilustradas Lume na Palleira RG |