Como xa sabedes, en Bodegas Martín Códax apostamos pola investigación e desenvolvemento como medio para afondar no coñecemento da uva albariño, varietal co que elaboramos os viños da adega.
O noso último reto chámase ALBAROMA, un estudo que ten por obxecto a revelación dos aromas varietais do albariño para aumentar ese carácter que identifica e fai únicos aos nosos viños.
O equipo de viticultura e enoloxía púxose xa mans á obra. Durante a pasada colleita, seleccionaron diferentes parcelas representativas con uvas homoxéneas que se recolleron en diferentes períodos, realizando unha vendima tardía e outra temperá. Unha vez na adega, realizáronse un total de 42 microvinificacións de 150 litros. Cando os mostos e viños estean listos o noso equipo procederá ás análises sensoriais para ver os resultados obtidos.
Trátase dun traballo exhaustivo e minucioso que se prolongará ata o ano 2015 e que nos permitirá determinar un método de maceración co que revelar unha maior cantidade de precursores aromáticos e saber como afecta o estado de maduración da uva.
Este estudo permitiranos ademais ser máis sostibles enerxeticamente xa que o uso de microorganismos criotolerantes evitará recorrer ao cambio de temperaturas de viños e mostos.
No proxecto ALBAROMA tamén colaboran outras entidades como EVEGA, UCLM, Laboratorios Excell Ibérica e Lev 2050 e está financiado parcialmente cos Fondos Europeos FEADER.