Neste post imos ver os principais tipos de cata que existen. Así a próxima vez que escoitedes alguén falar dunha cata vertical ou unha cata cega, saberedes a que se está a referir.
Hai catro tipos principais de cata: vertical, horizontal, cega e dobre.
Na vertical, o que se fai é catar as diferentes anadas dun mesmo viño. Esta cata permite, por exemplo, observar a evolución do viño no tempo ou identificar as mellores anadas.
Nunha cata horizontal cátanse viños con características comúns, como a anada, a zona da que proveñen ou a mesma variedade de uva. Trátase dunha cata moi útil para poder comparar as diferenzas nos métodos de vinificación ou o impacto que teñen os distintos tipos de chans e zonas nunha mesma variedade de uva.
A cata cega, probablemente a máis coñecida popularmente, é aquela na que catador non coñece os viños que se van valorar e as botellas se presentan tapadas. Para que serve? Sorprenderiámonos o moito que nos poden influír as marcas ou o tipo de viño. Se non a persoa que as cata non as pode ver, está libre desas influencias.
Por último, a cata dobre é un mixto. Primeiro cátanse os viños e coméntanse e logo tápanse e vólvense catar. Deste modo a cata pode ser máis obxectiva e aprécianse dende grandes diferenzas ata outras máis sutís.
Animados a facer algunha cata? Esperamos que si, así que non vos perdades o seguinte post de Aprende e goza catando no que nos internaremos no uso dos sentidos para a cata.