Bodegas Martín Códax foi galardoada con dous “Premios Publicidade en Galego”, en prensa escrita e televisión, pola súa campaña “Fillo do Atlántico”, deseñada pola axencia &Rosàs. O presidente da cooperativa Xoán Allegue recibiu, esta mañá, os recoñecementos de mans da vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia, Eva Solla Fernández, e do presidente da Comisión de control da CRTVG, Aurelio Núñez Centeno.
“Con esta campaña, Bodegas Martín Códax, quixo -e quere- dar a coñecer o corazón da marca e fortalecer o seu posicionamento, para poder continuar abandeirando a gastronomía Atlántica. E fixémolo contando historias reais e humanas daquelas persoas que viven e vivimos por e para o Atlántico e que compartimos co noso albariño Martín Códax a influencia e forza do mar”, destacou Allegue.
En esencia, esta campaña quere romper co código de comunicación habitual entre as marcas de viños que soen ser campañas de produto e traballar nunha imaxe de marca que destaque os valores da nosa cooperativa.
Nesta campaña encontrámonos con Ramiro, viticultor; Isidro Mariño, mariñeiro; Victoria Oubiña, mariscadora; Iván Domínguez, cociñeiro; e Joaquín Sanmiguel, percebeiro, todos eles xunto con Martín Códax, conforman a familia dos “Fillos do Atlántico”.
As súas vivencias e relación co Atlántico nárranse a través dun diálogo que fai ao espectador partícipe das historias que contan.
As imaxes, os relatos, as gravacións queren achegarnos ao Atlántico, ás nosas xentes, ás nosas distintas facetas e mergullarnos nun mundo de salinidade e esencia atlántica que debuxa os trazos do noso albariño, que revelan a relación da nosa marca coa orixe, o mar e o carácter diferencial que o Atlántico lle aporta ao noso viño.
Estas historias narradas en primeira persoa, achégannos a localizacións emblemáticas e representativas non só de Galicia e do seu Atlántico, senón que nos trasladan a Cambados, á súa ría e aos característicos viñedos de mar que nutren de salinidade ás uvas da adega. Unha historia de orixe, de loanza e respecto polo que conforma Bodegas Martín Códax: a súa terra, a súa xente, o seu mar…