No marco das catas temáticas organizadas pola D.O. Rías Baixas con motivo da Festa do Albariño en Cambados, Bodegas Martín Códax celebrará dúas catas, impartidas pola enóloga e directora de produción Katia Álvarez.
A primeira delas, terá lugar o xoves 31 de xullo a partir das 19 horas no Salón Jose Peña e leva por título “Bendita Madureza: elaboracións especiais de Martín Códax”. O público que asista a esta cata, poderá degustar os viños con elaboracións máis complexas da adega: Martín Códax Lías, Organistrum e Martín Códax Gallaecia e entender o proceso de elaboración de cada un deles. Procesos que dan conta da versatilidade da uva albariño e o seu potencial.
Ao día seguinte, o venres 1 de agosto ás 11 da mañá, comezará a cata “Martín Códax: albariños de terruños”. Nesta ocasión a cata estará centrada nun dos proxectos de investigación da adega a través do cal se estudaron as diferenzas da uva albariño cultivada en tres subzonas de Rías Baixas: Condado, O Rosal e O Val do Salnés.
Con este proxecto, estudáronse as características climáticas e orográficas de cada zona, analizando todas as diferenzas encontradas entre elas e tamén as diferenzas organolépticas e sensoriais dos viños resultantes de cada zona.
Así, na cata, poderanse degustar un albariño 100% da zona do Condado, caracterizado por ser viños cun perfil moderno pero á súa vez sobrio e serio e moi aromático na fase retronasal; un albariño100% da Roseira, cun perfil máis afrutado e tropical e un albariño100% do Val do Salnés, que presentan unha gran sutileza e elegancia en boca e nariz.
O público desta cata poderá comprobar o efecto terra nos viños e o potencial de cada zona.
Para poder asistir ás catas, hai que adquirir as entradas no propio salón de Jose Peña. A entrada tamén dá dereito a visitar o Túnel do Viño