Esta mañá (10 de outubro de 2012) o vicepresidente da adega, Ramón Barral, asinaba un convenio de colaboración coa Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo co obxectivo de preservar o patrimonio cultural relacionado co Camiño de Santiago e de fomentar esta ruta de peregrinación.
No evento, ademais do vicepresidente e o director de Bodegas Martín Códax, Juan A. Vázquez Gancedo, estiveron presentes D. José Paz Gestoso, Director Xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e D. Marcial Rodríguez Suárez representante tamén da devandita sociedade.
Con este acordo, confírmase a intención de ambas as dúas entidades de preservar, restaurar e protexer o patrimonio cultural creado en torno ao Camiño de Santiago. E é que, Bodegas Martín Códax, conscientes da relevancia desta ruta de peregrinación e da importancia do seu fomento, tamén está ligada ao Camiño de Santiago. Así, en sentido inverso ao dos peregrinos e peregrinas, Bodegas Martín Códax fai o Camiño, iniciando a súa andaina en 1985 nas Rías Baixas de Galicia, para logo instalarse tanto no Bierzo coma na Rioja.
Nun momento no que a iniciativa privada é imprescindible para o fomento da cultura en xeral, esta atopa un aliado en Bodegas Martín Códax.