O Outono Códax Festival regresa a Santiago con un cartel inédito

11 de Outubro de 2019

Actuacións de Kim Lenz, Gisele Jackson, The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood, The Rhum Runners, Andrew Combs, The Fabulous Resaca Brothers, Automatic City, Espiño, Helen & Shanna e Los Torontos.

Actuacións de Kim Lenz, Gisele Jackson, The Reverend Shawn Amos & The Brotherhood, The Rhum Runners, Andrew Combs, The Fabulous Resaca Brothers, Automatic City, Espiño, Helen & Shanna e Los Torontos.

cartel_baja

 

Seis citas que non te podes perder en Compostela! O Outono Códax Festival volve a encher de música negra a cidade coa maxia da música en directo, propia dos vellos locais do xénero, onde os pequenos aforos e o contacto máis directo co público constituían boa parte do seu atractivo.

Toda a información en: Outono Códax Festival

HELEN AND SHANNA_2

HELEN AND SHANA (Galicia) | 15 Outubro (Flamingo).

Como anticipo ás grandes citas na Sala Capitol, o festival quentará motores o 15 de outubro cun dos seus concertos en formato de proximidade (de libre acceso ata completar aforo). Deste xeito, o Flamingo acollerá o directo de Helen and Shana, formación galega que iniciou a súa andaina como dúo en 2013 e que chega ao

festival reforzando a súa proposta musical xa como cuarteto para presentar o seu novo traballo (“Tempo”), no que recollen influencias

procedentes de distintas culturas, con letras en inglés, galego, portugués e español. Amante das texturas e con sons de base folk, a banda aposta pola mestizaxe cultural percorrendo distintos estilos e xerando paisaxes con diferentes capas coas que constrúen temas que van dende o intimismo a outros máis festivos, coloridos e mesmo psicodélicos.

KIM_LENZ_2

KIM LENZ (Estados Unidos) + THE RHUM RUNNERS (Francia) | 19 Outubro (Sala Capitol).

Catro días despois, o Outono Códax Festival ofrecerá o primeiro dos seus grandes concertos na Sala Capitol e será nin máis nin menos que Kim Lenz, a raíña do rockabilly, a protagonista indiscutible da primeira gran noite do ciclo. “Se Elvis tivera sido muller, probablemente tería soado como Kim Lenz”; así definiu no seu día a edición estadounidense de Rolling Stone o innmeso talento da californiana, ignorando se cadra o próxima que a compositora, cantante e guitarrista estivo sempre das pioneiras do rockabilly. Coa súa actuación no Outono Códax, que pechará a súa xira española, a californiana visitará por primeira vez Galicia para presentar as cancións do seu quinto álbum, o recentemente publicado “Slowly Speeding”, un disco no que mestura xéneros como o blues e  o country, sen esquecer nunca o rockabilly polo que en 2015 The Ameripolitan Music Awards lle otorgou o galardón á mellor artista feminina do xénero.

THE RHUM RUNNERS

Este mesmo sábado tamén subirán ao escenario da Capitol The Rhum Runners, seis músicos portentosos que mesturan rock´n roll cos grooves asiáticos e caribeños, facendo de cada un dos seus directos unha festa prodixiosa de alto voltaxe. A banda franco-belga dedicada á música exótica dos anos 50 e 60, naceu en 2012 e con varios traballos ás súas costas no prestixioso selo Doghouse&Bone, percorre dende entón os escenarios dos festivais internacionais máis destacados, como estes  autodenominados mariñeiros din, “destilando o seu propio ron, soprando ata poñer a pista ben quente e partindo cara á festa”.

THE REVEREND SHAWN AMOS_ THE BROTHERHOOD

THE REVEREND SHAWN AMOS (EEUU) & THE BROTHERHOOD (EEUU) + LOS TORONTOS (España) | 9 Novembro (Sala Capitol).

O sábado 9 de novembro o ciclo retomará a súa andaina coa súa segundo gran cita na Sala Capitol, onde o estadounidense The Reverend Shawn Amos &  The Brotherhood presidirá unha noite imprescindible para as e os amantes do xénero na que tamén actuará o combo barcelonés, arxentino e canadiense Los Torontos, que aterrarán cun dos seus frenéticos directos cheos de rock´n roll, frat rock, surf music e pop dos anos 60.

LOS_TORONTOS_1

Influenciada pola música de principios dos 50 e primeiros dos 60, a formación con base en Barcelona e integrada por Agustí Burriel (Velvet Candles), Spencer Evoy (MFC Chicken), El Lega (Legacaster), Xavi Ruiz (Los Locos del Oeste) e Berto Martínez (The Kabooms) practica rock´n roll sen concesións mesturado con rhythm&blues e frat rock, unha combinación que converten cada un dos seus concertos nunha festa sen final na que se atopan referencias como The Wailers, The Sonics, Lee Dresser, The Sheppards, Sam The Sham ou os mesmísimos Chuck Berry e Johnny Guitar Watson.

Mais seguramente será un dos bluesman máis recoñecidos no actual panorama internacional o que protagonizará coa súa singular xenialidade esta segunda gran noite de Outono Códax Festival. Así pois, The Reverend Shawn Amos chega por primeira vez a Galicia no marco do festival co seu contundente e emocional directo, unha viaxe a tempos pretéritos, a unha tenda de campaña evanxélica chea de fe enerxética lista para converter aos máis obstinados coa mensaxe do “Reverendo”, cargado sempre dun blues fondamente alegre e de melodías que farán bailar a todas e todos os fans do Outono Códax.

ANDREW COMBS_3

ANDREW COMBS | 29 Novembro (Riquela Club).

Delicatessen musical a que reserva este Outono Códax para o 29 de novembro no Riquela Club (concerto de acceso libre ate esgotar aforo). E é así porque Andrew Combs (Dallas, 1986) está considerado pola crítica norteamericana (Rolling Stone, NPR,…) como un dos novos artistas de Nashville máis poéticos e dotados. Combs comezou a captar a atención nacional co lanzamento en 2012 do seu aclamado debut “Worried Man”, disco que recibiu tratamento de reedición de luxo e impulsou á American Songwriter a definilo como un traballo dificilmente superable nese ano. Ao Outono Códax chega para presentar o seu último disco “Ideal Man”, gravado nesta ocasión con Jupiter Recordings en Brooklyn (NY) e no queCombs amosa a súa versatilidade deixando a un lado o seu característico son acústico en favor dos sintetizadores atmosféricos e as guitarras eléctricas distorsionadas, con influencias do rock psicodélico, o soul e o funk clásicos ou o rhythm&blues.

GISELE1

GISELE JACKSON (USA) + THE FABULOUS RESACA BROTHERS (Galicia) | 1 Decembro (Sala Capitol).

A terceira gran noite do festival será o 1 de decembro na Sala Capitol con outra das grandes voces da escena internacional: Gisele Jackson, considerada unha das damas do soul e o blues  norteamericanos, chega ao Outono Códax en substitución da inicialmente anunciada Nikki Lane (quen suspendeu hai uns días toda a súa xira europea) e faio xunto a The Shu Shu´s para sacudir o escenario compostelán coa súa impresionante voz.

Jackson iniciou a súa andaina musical sendo aínda unha estudante universitaria e, antes de facer de Brooklyn o seu fogar, xa virara como “Raelette” con Ray Charles no apoxeo da súa carreira. A partir de entón acompañou a outras grandes lendas como a inigualable Donna Summer ou o seu “padriño” James Brown.

Despois de varias décadas ao servizo do soul clásico, a revista Billboard elevouna á categoría de diva polo seu gran éxito mundial, o clásico “Love Commandments”. O single alcanzou o número 3 nas listas de baile, catapultando a Gisele ao olimpo da música dance e house.

E previamente á actuación da dama do soul, os galegos The Fabulous Resaca Brothers quentarán a Sala Capitol co seu blues eléctrico, cheo de pegada e descaro. A banda nada hai cinco anos como trío cun blues máis acústico e clásico foise transformando co tempo nun combo de talentosos instrumentistas que conta xa cun primeiro traballo no mercado (“Primer aviso”) e con directos cheos de enerxía cos que achegan o son do vello Chicago a este outro lado do Atlántico.

THE FABULOUS RESACA BROTHERS_2

Automatic city

AUTOMATIC CITY (FRANCIA) | 11 Decembro (Sala Capitol).

Son catro, tocan co nome de Automatic City e son de Lyon, Francia. Pero puideron saír dunha pirámide exipcia, dun pantano en Luisiana, da lámpada de Aladino ou dunha nave espacial.

Crearon o seu grupo en 2016, para tocar “covers” de blues. Blues como na época dos 50 e 60: electrificado ata a experimentación, máis forte que o rock, emocionante, máxico, impuro, mesturado, sucio e sexi, innovador, liberado. Automatic City entrou no blues pola porta de atrás, o grupo caracterízase polo seu gusto polo exótico orientalista, o psicodélico, as bandas sonoras de películas de ciencia ficción, os ritmos africanos e electrónicos. “Tripple Ripple” é o seu terceiro disco e é o mellor, o que vai máis lonxe, máis denso. Ademais das súas peculiares reciclaxes de influencias, os seus instrumentos de referencia son rechamantes: unha guitarra Supro dos cincuenta e outros que marcan a diferenza, como un estilofono, un “theremín” (eterófono), un birimbao e dous bateristas – percusionistas e un cantante.

ACTIVIDADES PARALELAS

Como vén sendo habitual dende os seus inicios, o festival galego de música negra completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, polo que nesta novena edición inclúe na súa programación un miniciclo de charlas-coloquio que se abrirá o sábado, 19 de outubro (11:30 h, Riquela Club) con tres dos grandes espadas da xornalismo musical en España: Toni Castarnado (MondoSonoro, Ruta 66, El País, Cadena Ser), Alfonso Cardenal (director de “Sofá Sonoro”, Cadena Ser) e Fernando Navarro (responsable de Música no diario El País). Os tres críticos abordarán a evolución dos xéneros soul e rockabilly nunha mesa denominada “Soul e rockabilly: da cruzada dos anos 50 ao rexurdir do século XXI”. Ao remate do debate celebrarase unha das sesións out do festival (pequenos concertos gratuítos cos que o Outono Códax quere obsequiar ao seu público), neste caso protagonizada por Midnight Boozers, nova banda residente do Riquela, con repertorio de rock´n roll e soul clásicos. Coincidindo con este primeiro coloquio, abrirase no mesmo espazo a expo “Sanmasville: rarezas e misceláneas de DJ Sanma”, na que se recolle parte da colección persoal de rarezas que o DJ galego leva coleccionando dende a súa infancia e que inclúe curiosas e valiosas pezas de música, cine, fotografía, deseño gráfico e arte da cultura underground americana dos 60. A mostra permanecerá aberta no propio Riquela Club ata o 25 de outubro.

ESPINO

 

 

 

 

O sábado 9 de novembro (11:30 h, tamén no Riquela) celebrarase unha segunda charlacoloquio, neste caso co músico e historiador compostelán Alfonso Espiño, quen repasará co público asistente a historia da música moderna en Compostela. Espiño realizou unha extensa investigación ao respecto na súa tese universitaria “Beat, pop e rock en Santiago de Compostela (1954-1978)”, traballo co que recibiu a máxima cualificación da USC e que permite obter unha completa cronoloxía da música moderna na capital galega. Ao remate da charla, o propio Espiño ofrecerá tamén en sesión vermú outra das out do festival, na que interpretará algúns temas nos que, como é habitual no músico galego, destilará o seu exquisito gusto polo pop anglosaxón clásico e atemporal.

Á mostra e aos coloquios uniranse como en cada edición as xa tradicionais allnighters do Outono Códax, “pinchadas” ao final de cada concerto con algúns dos DJ máis coñecidos do xénero.

ENTRADAS, BONO E ROCK´NPORTE

O público interesado en adquirir as súas entradas poderá facelo xa en: A Reixa Tenda-Matrioska (Santiago), Honky Tonk e Discos Elepé (Vigo), Rockbox (A Coruña), Peggy Records (Ourense) e a través das plataformas electrónicas Ataquilla.com e Sala Capitol (os menores de idade poderán acceder ao ciclo acompañados dunha persoa adulta).

De igual xeito, e como nas súas anteriores edicións, o Outono Códax porá en circulación o denominado “Rock´nporte”, un “pasaporte” directo e gratuíto aos concertos para aquelas persoas que realicen consumicións ou compras nos case 100 establecementos hostaleiros e comerciais que colaboran co festival.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Podes utilizar estas etiquetas e atributos HTML : <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong>

Comentaristas principais en Bodegas Martín Códax
  • codax
    40 comentarios
  • Manuel Ferreiro
    2 comentarios
  • Multihomespain
    2 comentarios
  • Sole
    2 comentarios
  • Alejandro Martínez
    1 comentario
  • alicia bará
    1 comentario