A semana pasada recibiamos a visita de importantes sumilleres, pertencentes todos eles á Alliance Gastronomique, a asociación de restaurantes de calidade do Países Baixos e a asociación culinaria máis antiga de Europa. Tres deles, son os sumilleres de prestixiosos restaurantes posuidores dunha Estrela Michelín cada un. Ademais, chegaron acompañados do Presidente da “Alliance Gastronomique“.
Os recoñecidos sumilleres foron os seguintes:
- Gerrit Greveling, Presidente da asociación “Alliance Gastronomique”,
- Luuk Egelmeer, Somelier do restaurante “Wollerich“. Este restaurante, que posúe unha estrela Michelín, combina cociña de calidade cos mellores viños nacionais e internacionais nun ambiente rústico. Entre os seus viños, Martín Códax ocupa unha posición especial
- Daniel Dwarswaard, sumiller do restaurante “Gieser Wildeman“, cunha longa reputación non só en cociña de alto nivel, senón tamén pola súa colección de viños. É tamén posuidor dunha Estrela Michelín.
- Woudt Stroo, Sumiller do restaurante “Chapeau“, unha antiga mansión con cociña tradicional francesa á que achegan ambición e diversión e coa que conseguiu gañar tamén unha Estrela Michelín
Os sumilleres pasaron en Galicia un par de días, descubrindo os seus encantos e o potencial dos viños de Rías Baixas.
Ademais da súa visita á nosa adega, onde descubriron o proceso de elaboración dun albariño, puideron visitar o viñedo Pé Redondo, destinado ás investigacións da adega, e degustaron os principais viños de Martín Códax. Ademais, puideron comprobar de primeira man as riquezas da Ría de Arousa, a través dun paseo en barco e descubrir os cantos máis especiais de Santiago de Compostela.
A visita permitirá á adega a consolidación dos seus viños nas cartas destes prestixiosos restaurantes.
A Alliance Gastronomique é unha asociación gastronómica de restaurantes de calidade no Países Baixos e Flandes. Fundada en 1967 como unha resposta á falta de gusto, de produtos culinarios e a inadecuada capacitación dos cociñeiros. Nese momento, no Países Baixos, non había cociñeiros de prestixio, pero o nacemento da asociación supuxo unha ruptura co pasado. Na actualidade, o só feito de pertencerlle, é xa un selo de calidade.