Dentro do compromiso da bodega coa cultura da zona, este verán contaremos cun espazo para a fotografía con selo galego nas notas instalacións. A fotógrafa autodidacta Cris Andina, instalou na bodega a exposición de fotografía ‘Música desde esta beira do Atlántico baixo a óptica de Cris Andina’, un percorrido por diferentes salas de concertos e escenarios galegos, entre eles o Outono Códax Festival.
Na exposición, a fotógrafa ribadense fai unha selección de fotografías que representan unha viaxe dende os seus comezos neste tipo de fotografía ata o de agora, imaxes nas que capta a esencia de intérpretes e músicos a través da súa cámara.
Sting, Macy Gray, Michelle David, pero tamén Luz Casal, Heredeiros da Crus ou Xoel López, son os protagonistas das instantáneas das experiencias musicais que Andina fai eternas coa cámara e que comparte con todos nós plasmada a xeito de fotografía.
A exposición, que contén imaxes tanto a toda cor como en branco e negro, está composta por un total de 28 fotografías que convidan a ver a evolución desta profesional da fotografía.
Cris Andina. Fotógrafa (Ribadeo)
Fotógrafa totalmente autodidacta, a ribadense Cris Andina comezou na fotografía de concertos en 2012 por cuestións do azar, captando momentos únicos das postas en escena en espectáculos que percorren toda Galicia. Dende entón, foi fotógrafa en varias salas e festivais, entre eles o Outono Códax Festival.
Ademais de fotografía musical, Andina realiza outro tipo de traballos, como os retratos. Actualmente, conta cunha exposición de retratos homenaxe a actores e actrices de teatro.