O pasado mes de xuño, o CLUSAGA, Clúster Alimentario de Galicia, nomeaba ao director xeral de Bodegas Martín Códax, Juan A. Vázquez Gancedo, novo presidente da institución, relevando a José Luis Antuña que ocupaba o cargo dende a súa fundación no ano 2010.
Elixido pola Asemblea General, ata agora ocupara o cargo de vicepresidente do clúster ademais de ser Patrón Experto do Observatorio Español do Mercado do Viño e membro da Xunta Directiva da Plataforma Tecnolóxica do Viño e coordinador da súa comisión de mercadotecnia.
No acto de relevo, Juan Vázquez anunciou a inmediata posta en marcha dun novo plan estratéxico que se desenvolverá nun escenario onde a Comisión Europea orienta as súas políticas dentro do marco Horizonte 20.20 con medidas que fagan de Europa unha economía intelixente.
Avanzou, ademais, a revisión dos cinco eixes de actuación que orientaron o traballo do clúster durante os seus cinco anos de existencia como o de impulsión de I+D e reforzo da capacidade de innovación, o de mellora da produtividade, procesos e sostibilidade, o de internacionalización ou o de fomento da cooperación empresarial e do traballo en rede.
Segundo Juan Vázquez, nesta nova etapa “o CLUSAGA ten que ser capaz de entender e atender as empresas e socios nun mercado tan cambiante como no que nos encontramos“.
Para iso, indica que unha das claves será “encontrar e utilizar as ferramentas que o analizan, formar os directivos que se desenvolvan nel, achegarse ás novas canles de distribución, indagar sobre as innovacións que crean tendencia, abrir relacións e mercados, e encontrar os interlocutores axeitados“.
Parabéns sinceiros e os mellores de éxito.
Fondas apertas
Julián Parga