En múltiples ocasións oímos iso de “O viño faise no viñedo” e é unha frase á que non lle falta razón. O terroir ou terruño, conxunto de características xeográficas, xeolóxicas e climatolóxicas dos terreos onde se asintan os viñedos, van influír de forma directa nas características organolépticas dos viños. Podemos dicir, polo tanto, que o efecto terruño existe.
Agora ben, cal é o efecto terruño nos viños Rías Baixas?
Bodegas Martín Códax centrou un dos seus proxectos de investigación neste aspecto e quixo analizar e estudar as diferenzas da uva albariño cultivada en tres subzonas de Rías Baixas: Condado, O Rosal e O Val do Salnés; e a influencia das diferenzas climáticas e xeolóxicas. Por último, elaborouse cada viño para determinar as diferenzas entre cada un.
Para o estudo elixíronse 3 parcelas experimentais. A que estaba situada no Condado, caracterizado por unha orografía accidentada e a presenza de vales fluviais, estaba cultivada en bancal sobre chan areento-arxiloso e tiña unha exposición Sur. A diferenza, a do Rosal estaba plantada en terrazas a beiras do río Miño, sobre un terreo de aluvión rico en xistos e rochas de orixe granítica e a súa exposición era Oeste. Por último, o viñedo de investigación do Salnés era un parral e sobre un chan principalmente granítico.
Durante o período que durou o proxecto, os ensaios tamén permitiron contrastar as diferenzas climáticas entre cada subzona. O Condado foi a zona que presentou temperaturas medias máis elevadas e as maiores oscilacións térmicas. En canto a precipitacións, foi no Salnés onde se rexistraron as cifras máis elevadas.
Unha vez analizadas estas diferenzas tan significativas, procedeuse a elaborar os viños e á súa análise organoléptico. O viño do Condado resultou ser un viño cun perfil moderno pero á súa vez sobrio e serio e moi aromático na fase retronasal. O Rosal, tiña un perfil máis afrutado e tropical. Sutil en boca, explota cunha retronasal exuberante e perfumada. Pola súa banda, os viños elaborados no Salnés son moi finos e de grande elegancia. Presentan unha sutileza aromática e dan moita envergadura en boca.
Como se ve, as terras das diferentes subzonas de Rías Baixas fan que os nosos viños sexan moi diferentes uns doutro e achegan así riqueza xa que cada viño é moi fiel ao seu terroir. A xeito de conclusión, o estudo destacou o potencial de cada subzona, que xustifica a aplicación de prácticas vitícolas e itinerarios enolóxicos adecuados para enxalzar estas diferenzas sensoriais.
Descarga do artigo en PDF aquí