¿Inflúe a música na gastronomía? ¿Como? Esas son algunha das preguntas ás que se deu resposta este luns no seminario ‘Música e pratos’, organizado por Bodegas Martín Códax na sala Numax de Santiago de Compostela.
Arredor de 25 hostaleiros e algún que outro músico acudiron a este curso que estivo dirixido polo músico Xurxo Souto, a avogada Ania González e o fogoneiro e co-propietario de Abastos 2.0. Marcos Cerqueiro. Os poñentes falaron da importancia da música na experiencia gastronómica do cliente, que busca un valor engadido á calidade do propio produto cando sae a comer, así como tamén do marco xurídico que envolve a reprodución dunha obra musical en cafeterías e restaurantes.
O encargado de abrir este seminario foi Xurxo Souto, vocalista dos Diplomáticos de Montealto, escritor e un longo etcétera. O músico falou da importancia do oído durante a comida, afirmando que “ademais do que se gusta e o que se ve, tamén é importante o que se escoita”. Lonxe de referirse á música en xeral, Xurxo puxo o foco sobre a música galega, nesa ”sonoridade extraordinaria” dos sons da nosa terra e da importancia de “compartir esa excelencia”.
A avogadaAnia González foi a responsable de achegar a parte lexislativa aos presentes. Tras explicar que é e que significa a propiedade intelectual, e para sorpresa de moitos asistentes, González asegurou que a SGAE (Sociedade Xeral de Autores e Editores) non ten por que estar presente en todos os acordos ou negociacións de comunicación pública das obras musicais, deixando claro que aínda quedan moitas dúbidas por resolver neste eido, tanto para músicos como para hostaleiros.
Marcos Cerqueiro, co-propietario de Abastos 2.0. xunto con Iago Pazos, foi o poñente encargado de pechar o curso. Fíxoo falando das súas propias vivencias, de como a luz e a música son “unha ferramenta máis” para “crear microuniversos” que desfrutan os clientes. Cerqueiro achegou una proba do bo casamento entre música e comida que fixeron anos atrás en Abastos: unha tapa que servían acompañada dun walkman cunha selección musical que permitía que o bocado se percibise a outros niveis.
En definitiva, a música na gastronomía non só evoca momentos vividos ou convida a alongar un pouco máis a sobremesa, senón que axuda a que cada bocado se perciba a través dos cinco sentidos.
Tras o resultado satisfactorio e proveitoso deste curso, Bodegas Martín Códax baralla a posibilidade de celebralo noutras cidades galegas ou complementar esta formación con novos cursos que ofrezan un valor engadido aos hostaleiros.