Esta mañana fíxose entrega das doazóns ás entidades beneficiarias da sétima edición do ciclo de concertos Os Xoves de Códax. Este ano o ciclo, que reúne a artistas galegos e de todo o mundo en espectáculos de fusión cultural e musical, contou con oito concertos abertos ao público, así como un noveno exclusivo para socios da bodega e pechado ao público, pero tamén de carácter solidario. Así, ás oito entidades dadas a coñecer con anterioridade, súmase tamén a Fundación Andrea, asociación dende a que dan atención e apoio económico, moral e informativo ás familias con fillos con enfermidades de longa duración, crónicas ou terminais, facilitando solucións e axudas.
Cos concertos celebrados ao longo deste verán, recadáronse preto de 45.000 euros a repartir entre as nove asociacións. En cifras xerais, a cantidade total recadada e doada ao longo de todo o ciclo ascende xa a máis de 100.000 euros.
Por parte da bodega ao acto asistiron o presidente de Bodegas Martín Códax, Xoan Allegue, e a directora de Márketing e Comercial, María Garrido, que agradeceron a solidariedade de todos os asistentes ao ciclo Os Xoves de Códax, que fan posible esta colaboración co grande traballo que levan a cabo dende as diferentes entidades. Os representantes das asociacións tamén aproveitaron para dedicar unhas palabras de agradecemento á bodega por esta iniciativa, que lles permitirá levar a cabo diferentes proxectos destinados a axudar á sociedade.
Por parte das asociacións asistiron Mario Trigo Hombre, presidente da Asiciación Bata; Eva María Silva Noal, secretaria e xerente da asociación TDAH Salnés; Carmen Fernández Pego, secretaria de APROPARK; Mila Hermida, educadora social de Cáritas; Marie Isabelle Prado, vicepresidenta de Afaga; Amaya Castro Noya, da Fundación Andrea; Mayte Celeiro, da asociación Arela; Alicia Rey Taboas, administrativo e Solidariedade Galega co Pobo Saharauí; e Rosa María Fernández Cortizo, técnico de Administración e responsable de Calidade do Centro Princesa Letizia da Asociación Amencer-Aspace.