Bodegas Martín Códax estará presente o luns, 4 de xuño, na estrea do filme galego Arrugas na semana do Cine Español en París, na que se proxectarán máis de 15 películas. O público parisiense terá a oportunidade de degustar os produtos de Bodegas Martín Códax tras a proxección da película en Le Nouveau Latina, un coñecido cine parisiense de programación “latina”. Á cita tamén acudirán responsables do Círculo Cultural Galego en París, do Instituto Cervantes, do Consorcio Audiovisual de Galicia e da Academia de Cine Español, entre outros.
Bodegas Martín Códax non podía perderse esta cita con marcado acento galego e os seus viños foron elixidos pola organización do evento, levada a cabo pola asociación Espagnolas en Paris, debido ao apoio que outorgou a adega en anteriores ocasións ao cine galego.
Espagnolas en París é unha organización que busca promover a cultura española na capital francesa a través de diferentes eventos. Co patrocinio do Instituto Cervantes e e a sala Le Nouveau Latina, Espagnolas en París organizan La Semana del Cine Español en París, con diferentes actos e estreas encadrados todos eles baixo temáticas españolas que finalizan sempre coa degustación de produtos gastronómicos típicos. Nesta ocasión, ante a estrea da película galega Arrugas, a organización Espagnolas en París, elixiu os viños de Adegas Martín Códax polo seu apoio ao cine galego.
Arrugas
Arrugas é unha longametraxe de animación 2D para un público adulto baseado no aclamado cómic do mesmo título de Paco Roca (Premio Nacional de Cómic 2008). Dirixida por Ignacio Ferreras, Arrugas narra a amizade entre Emilio e Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico. Emilio, que acaba de chegar á residencia nun estado inicial de Alzheimer será axudado por Miguel e outros compañeiros para non rematar na planta superior da residencia, o temido piso dos asistidos que é como chaman alí os desafiuzados. O seu tolo plan tingue de comedia e tenrura o tedioso día a día da residencia porque aínda que para moitos as súas vidas remataran, eles acababan de empezar unha nova.