Poucos recordan un inverno en Galicia como o vivido este ano. Tras un total de sete alertas no litoral por fortes ventos e chuvias e unha precipitación acumulada no que vai de ano de máis de mil litros por metro cadrado, este foi cualificado polos profesionais como o máis duro dos últimos anos.
Pero o malo non dura para sempre e por fin tivemos unha tregua. Tres semanas nas que gozamos de tempos primaverais e que permitiron finalizar os traballos de inverno aos nosos asociados.
A primavera chega aos viñedos e comeza agora a fase de brotación, na que empezan a saír as primeiras xemas nas vides; as que darán nuns meses a colleita 2014.
Aqueles viñedos nos que a poda se realizou máis cedo, entre os meses de novembro e decembro de 2013, son os que mostran xa ese comezo da brotación e nos que se empeza a apreciar un aumento da cuberta vexetal do chan. Precisamente esta vexetación que está a crecer agora axudará a eliminar o exceso da auga do inverno, mellorará a calidade do chan e axudará ao control do vigor dos viñedos.
Se ben é unha práctica pouco estendida, dende Bodegas Martín Códax fomentamos o uso de cubertas vexetais xa que se trata dunha práctica sostible e cuxos beneficios inciden directamente na mellora da calidade da uva.
Así nestes meses, o traballo realizado no viñedo céntrase na xestión do chan: abono, control da cuberta vexetal, fertilización…
Non será ata finais de abril, cos brotes xa máis crecidos e o aumento das temperaturas, cando teñamos que comezar a ter especial precaución pola aparición de posibles enfermidades.
Miguel Tubío. Dtor. Viticultura Bodegas Martín Códax.