O programa Focus Galicia comezou hoxe na nosa adega a súa axenda de actividades preparada para os responsables de 25 festivais e axencias de distribución e xestión de 13 países, convidados a este evento profesional organizado pola Xunta para descubrirlles a riqueza musical da nosa Comunidade e o seu estreito vínculo co territorio.
Este selecto grupo de programadores, distribuidores e profesionais do sector cultural internacional tiveron a oportunidade de achegarse ás novas sonoridades do percusionista e compositor Mario G. Cortizo, do multiinstrumentista Abraham Cupeiro e da banda de novo folk galego De Ninghures.
O programa de accións que compoñen FOCUS GALICIA está especialmente deseñado para favorecer o contacto persoal directo entre os artistas galegos e os axentes internacionais participantes, poñendo sempre en valor a identidade, o talento actual e a riqueza musical do sector. Será a través dunha serie de concertos en formato showcase a cargo das 10 formacións artísticas que foron seleccionadas por un xurado profesional reunido ao efecto, presentacións rápidas tipo pitching e reunións one to one.
A misión principal é acadar a promoción e difusión internacional da nosa música, unida ao noso patrimonio, así como facilitar a creación de lazos de intercambio e conexións duradeiras no tempo entre creadores e profesionais.