O terceiro fin de semana de agosto, o pobo mariñeiro de Vilaxoán volveu ser o epicentro da música, cun total de 23 concertos de bandas procedentes de 7 rexións diferentes e tamén de países como Brasil, Austria ou Italia, entre outros. A diversidade non só foi xeográfica senón que se deixou notar ademais na combinación de estilos musicais, percorrendo xéneros como o punk, o rap, o reggae, o pop ou o folk.
A gastronomía foi a outra gran protagonista de Revenidas16, coa xa mítica Sardiñada Popular na que decenas de familias e grupos de todas as idades gozaron deste peixe na súa versión máis clásica e tamén máis innovadora grazas ás elaboracións dos chefs de dous restaurantes galegos con Estrela Michelín: Inés Abril de Maruja Limón e Alberto G. Prelcic de Silabario. Todo iso maridado, como non podía ser doutra forma, co albariño semiseco Marieta, viño oficial do Festival unha edición máis.
Entre as máis de 35 actividades que había programadas para todos os públicos, destacou tamén una de marcado carácter solidario: a Gala de Refuxiados Revenidas e que concentrou no parque contiguo a todos os públicos ao redor de artes escénicas, acrobacias, humor e música.
Un fin de semana que deu para moito, enchendo todos os espazos que había dispoñibles, desde as zonas de acampadas ata a praia e que deixou un bo sabor de boca e ganas de seguir gozando dun festival que xa suma 13 edicións.