Aínda que a data non é exacta e pode variar segundo as condicións climatolóxicas que se dean nos próximos días, Bodegas Martín Códax ten previsto comezar a vendima en Rías Baixas o próximo 22 de setembro. Será unha vendima graduada, que permitirá recoller a uva no seu punto óptimo de maduración.
Tras unha primavera normal en canto a precipitacións e temperaturas refírese, o tempo e o exceso de chuvias dos meses de verán provocaron un atraso no crecemento vexetativo do viñedo e polo tanto na maduración. Actualmente a maduración da uva avanza grazas ao clima dos últimos días. Todo isto indica que as datas de vendima serán similares ás do ano 2013.
Se ben estas dúas semanas que quedan ata a vendima serán claves para definir a calidade final da uva, segundo Miguel Tubío, Director de viticultura de Bodegas Martín Códax, todo apunta a que “será unha colleita fresca e moi atlántica que recordará ás orixes de RíasBaixas”
Respecto ao resto de instalacións de Bodegas Martín Códax, a vendima preséntase tamén de forma graduada. Será unha vendima que comece no interior e remate na costa.
Na D.O. Bierzo, a adega comezará a vendima esta mesma semana. Precisamente as condicións máis frescas do verán que en RíasBaixas supuxo un atraso, alí provocaron un adianto na maduración fenólica moi rápido “chegando a equilibrios de maduración moito antes que outros anos” segundo explicou Tubío, grazas tamén aos “rendementos inferiores respecto ao ano pasado”.
A D.O. Monterrei, onde Bodegas Martín Códax elabora godello, tamén presenta un adianto e interesantes equilibrios de azucar e acidez cun perfil máis fresco do habitual para a zona.