VIII edición dos Premios Martín Códax da Música
20 de Agosto de 2021
Os Premios Martín Códax dá Música galega chaman o sector musical a participar na súa oitava edición!
Un ano máis, a nosa cooperativa e a asociación de músicos Músicas ao vivo, únense para pór en valor aos músicos galegos e os seus proxectos musicais. Unha edición na que máis que nunca terá moita importancia a creatividade musical dos proxectos, premiando un total de dezasete categorías que recoñecen a produción musical en Galicia.
Baixo os focos da Sala Sónar, en Santiago, compartimos a presentación duns galardóns cuxos principais obxectivos son recoñecer a creación, a diversidade e a calidade artística das producións musicais galegas, así como revelar novos talentos da escena musical galega e facer chegar a música e o seu proceso de produción ao público.
A nosa Asesora Cultural, Rosa Bugallo, destacou que o apoio da adega a este proxecto é “máis que un patrocinio, é un sinal de identidade” e resaltou o traballo colaborativo que supoñen estas iniciativas. Finalizou a súa intervención no acto de presentación parafraseando as palabras do músico Fran Perez NARF: “Pase o que pase, que a música continúe”.
A inscrición dos proxectos, totalmente gratuíta, será desde o 23 de agosto ao 5 de setembro e a gala de entrega dos galardóns celebrarase o 27 de outubro en Pontevedra.
Inscricións e información en: www.premiosmartincodaxdelamúsica.gal