A gran variabilidade existente nos viñedos do Val do Salnés e a consecuente dificultade técnica de clasificar a uva en vendima para facer vinificacións diferenciadas, leva a Bodegas Martín Códax a ter o seu primeiro contacto co mundo da investigación no ano 2006. O equipo técnico e de enoloxía da adega poñen en marcha o “Estudo dos precursores aromáticos e composición da uva albariña en función da situación do viñedo para a zonificación de viñedos no Val do Salnés“, un proxecto que se alongará ata o 2009. Nel, contamos ademais coa participación e o apoio da Universidade Politécnica de Madrid, La Misión Biológica de Galicia e a Universidade de Vigo.
Os parámetros estudados foron a distancia ao mar e a exposición das parcelas, xa que se presumía que podían explicar a variabilidade existente nos viñedos, e para o seu desenvolvemento dividiuse o val en 9 zonas, agrupadas á súa vez en tres grandes bloques. O primeiro, correspondía ás parcelas que se encontraban máis próximas ao mar cun límite de distancia de 2 quilómetros. O segundo bloque comprendía os viñedos que se encontraban entre 2 e 5 quilómetros do mar e o terceiro, os que estaban situados entre os 5 e os 10 quilómetros de distancia. A maior dificultade foi encontrar exposicións claras para clasificar as parcelas debido á orografía suave e aberta do terreo.
Durante os tres anos que durou o proxecto realizouse un estudo climático das anadas, unha caracterización e definición das parcelas e un estudo da actividade enzimática e fenólica da uva (a primeira vez que se realiza), así como da composición aromática. Detectáronse diferenzas entre as parcelas estudadas pero non se puido ver unha correlación clara entre as diferenzas encontradas e a situación e exposición das parcelas.
Unha vez a uva desas parcelas chegaba a adega, recollíase en dous grupos para realizar microvinificacións diferenciadas en depósitos de 150 litros e por último realizábase unha valoración organoléptica dos viños.
Tras todo este tempo de investigación, chegouse á conclusión de que só coa situación das parcelas e a súa exposición non se podía explicar a variabilidade existente aínda que si se destacou que as maiores diferenzas achadas respondían ao tipo de prácticas vitícolas levadas a cabo nos viñedos (podas en verde, esfollados…) e tamén ao tipo de climatoloxía do ano.
A raíz destas conclusións, a adega seguiu investigando con novos parámetros e cada día avanza cara a unha viticultura de precisión que permita xestionar a variabilidade dos viñedos no Val do Salnés.
Descarga do artigo en PDF aquí